AULAS REGULARES ACORDEÓN DIATÓNICO

Pedro Pasucal - Aulas regulares acordeón diatónico

ENSINANDO A TOCAR O DIATO:

A miña teima é facer unha achega a un instrumento popular moderno e en pleno desenvolvemento e auxe.

Estruturo o programa de aprendizaxe en catro anos e inclúe aspectos relacionados ca propia técnica e desenvolvemento do instrumento, alén doutros relacionados ca organoloxía, historia, harmonía tradicional, xéneros na música tradicional e popular, repertorio das culturas onde o instrumento é protagonista, desenvolvemento escénico, etc.

Obxectivos que pretendo:

Dotar aos asistentes (tanto nun campo profesional como amateur) dunha solvencia suficiente para a interpretación do instrumento, incluíndo aspectos seguintes:

  • Adoptar correcta posición corporal, garantindo a maior efectividade posible, evitando lesións non desexadas e proporcionando capacidade de desfrute.
  • Coñecer as posibilidades e características sonoras, e ser quen de aproveitalas na interpretación.
  • Coñecer a técnica básica que permita a interpretación solvente en público.
  • Fomentar e desenvolver técnicas de estudo, hábitos correctos e eficaces.
  • Crear no alumnado sensación de “comunidade” por pertencer a unha familia de instrumentos e xerar aprecio e respecto por un medio de expresión que será vital no seu día a día.
  • Coñecer o patrimonio inmaterial a través das músicas tradicionais, coñecendo, distinguindo e analizando os diferentes xéneros, tanto galegos coma foráneos.
  • Dotar dos coñecementos básicos de harmonía para o correcto desenvolvemento do arranxo e a composición a través do acordeón diatónico.
  • Desenvolver a concentración e a audición como exercicios vitais.
  • Integración, en agrupacións, concertos “de cámara”, ou mesmo preparación para a participación en ensembles de carácter profesional.
  • Respecto polo propio traballo e o dos demais, fomentando o compañeirismo e capacidade de disciplina.

A quen vai dirixido

Nenos/as e adultos/as que queiran achegarse desde un nivel 0 ao instrumento

Nenos/as e adultos/as que xa teñan coñecementos previos e queiran afondar no estudo deste instrumento

Instrumentistas que, xa coñecendo amplamente o instrumento, queiran afondar nalgunhas das materias en concreto que no programa se ofertan

Profesores de música que queiran achegarse a un nivel básico, cara un instrumento harmónico e portátil como complemento ó seu labor docente

Onde teño impartido cursos:

1. Cursos de acordeón diatónico de longa duración:

  • Cántigas e frores, Lugo (2022 – actualidade)
  • Cantigas e Agarimos (2016 – actualidade)
  • Centro de música Fingoi, Lugo (2016 – 2022)
  • Escola municipal de música de Santiago de Compostela (2014 – 2016)
  • Escola livre da MPG aCentral folque (2009 – 2014)
  • Conservatorio de música tradicional e folque de Lalín (2001 – 2008)

2. Monográficos:

  • Instituto Piaget (Viseu, Portugal)
  • eTrad (Vigo)
  • ESMU Moraña
  • Festival de Ortigueira