SEMINARIOS DE HARMONÍA E ARRANXOS

TRÁTASE DE:

Neste curso concentrado, tentaremos que se comprendan os principios básicos teóricos que teñen que ver ca harmonía moderna ou tradicional que atopamos en diversos estilos populares, e aprender a relacionalos cas escalas que atopamos dentro da música de raíz.

Trátase de saír momentaneamente do concepto horizontal-melódico para coñecer o vertical e as normas e técnicas máis básicas para conseguir colorear melodías.
Enfocado desde o punto de partida das músicas tradicionais, observando e analizando os modos e escalas nos que foron creadas, respectando e comprendendo as fontes de orixe e adecuándose con solvencia ao arranxo. Neste curso conseguiremos que ante o desafío de atopar unha melodía espida sexamos quen de converternos en arranxistas contemporáneos.

Durante o desenvolvemento do curso cada concepto que se trata na aula vai acompañado da escoita en tempo real con exemplos musicais ao vivo. Durante as explicacións ademais do profesor está presente un músico profesional acompañante que estará tocando continuamente. Tamén se reforza este aspecto con exemplos e audicións gravadas.

Obxectivos:

Dende un nivel básico trataremos que o alumnado remate o curso sendo quen de abordar o arranxo e a composición desde un punto de vista máis maduro e solvente, facilitándolle non so un mellor desenvolvemento no seu labor musical (sexa profesional ou afeccionado) se non tamén unha mellor capacidade de gozar e sentir seguridade á hora de facelo.

As referencias musicais faranse sempre dende a música tradicional e popular galega, castelá, e de tradición europea.

A quen vai dirixido

A toda persoa amante da música que teña uns coñecementos básicos-medios de linguaxe musical e teña interese en coñecer as normas e aspectos básicos que interveñen na harmonía moderna ou tradicional.

O alumnado asistente será ben recibido independentemente do campo musical do que proceda, é recomendable que sexan persoas algo iniciadas na práctica musical e incluso con certos coñecementos da música tradicional como ben patrimonial inmaterial.